Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Ribeira convoca limpeza voluntaria de praias e demanda recursos á Xunta


O Concello de Ribeira acaba de convocar, en colaboración coa organización Greenpeace, unha xornada de limpeza de pellets de microplástico que asolan os areais do litoral galego.

A xornada está convocada para o sábado 13 de xaneiro entre as 10:00 e as 13:·30h por ser horas de baixamar. Esta xornada estará coordinada por membros do Grupo Municipal de Emerxencia e por profesionais ambientais.

Dende o executivo local, a concelleira de Medio Ambiente Antía Alberte e o concelleiro de Mar Fernando Abraldes, inciden na importancia de acudir en grupos ou colectivos organizados para evitar danos maiores na flora e na fauna, xa que hai zonas de alto valor ambiental que precisan dun coidado especial. Segundo os edís, na limpeza organizada polo Concello para o sábado daranse instrucións de como se debe realizar unha limpeza do lixo mariño e, particularmente, dos pellets de plástico que nestes días chegan aos areais.

Petición de recursos

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, explicou que malia que non ser unha competencia dos concellos a realización deste tipo de limpezas de verteduras contaminantes, dende o goberno local non poden mirar para outro lado mentres millóns de boliñas de plástico chegan á costa ribeirense e declarou “poñémonos á fronte sendo a primeira administración en actuar para atallar esta crise ambiental”.

Non obstante, Pérez Barral segue tendendo a man para coordinar efectivos e reclama que se poñan a disposición recursos e persoal para facer estas limpezas, así como transparencia e comunicación dos pasos que vai dar a Xunta, xa que até o momento non houbo ningún tipo de comunicación. “Non pode ser que esteamos ante unha crise ambiental e a Xunta se negue a falar cos concellos ou deixe as limpezas en man do voluntariado” sentenciou.